Nuria
Lestegás
Bio
Acerca de min
No ámbito do Teatro, é integrante da Compañía Teatro do Pichel (Compostela), participando como intérprete nas producións: Precarias, Idas e Vidas, Ubu no lixo, Agorafobia, Parábola do éxito e Á Mesa, na dirección de Zé Paredes; tamén, forma parte de Ditea Teatro (Compostela) na obra Animaliños, de Roberto Vidal Bolaño. Completa a formación nos Encontros do Teatro do Norte (Asturias) e na Escola de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela.
No eido do Cinema, integra os filmes galegos: O Corno (Jaione Camborda)- galardoado coa Cuncha de Ouro no Festival de Donostia-, Eles transportan a morte (Helena Girón e Samuel M. Salgado)- premiado no Festival de Venecia-, e Longa Noite (Eloy Enciso)- premiado en Locarno e Hispanoamérica-, nos traballos de interpretación que lle valen as candidaturas, respectivamente, a Mellor Actriz de Reparto, Mellor Actriz Protagonista e Mellor Actriz Revelación nos Premios Goya e nos Premios Mestre Mateo.
Co seu primeiro amor, a Música, licénciase na especialidade de Violín, formándose na Escola Municipal de Música de Xove, Conservatorio de Santiago de Compostela e na Hogeschool voor de Kunsten Utrecht (Holanda); educándose na música orquestral, desde nena ata o exercicio profesional, nas orquestras: Clásica de Xove, Xoven Orquestra de Galicia, Escola de Práctica Orquestral da Sinfónica de Galicia, Clásica de Vigo e Vigo 430, entre outras. Participa, ademáis, de proxectos de música galega como: Lois Pereiro de Manu Clavijo, e a grabación e xira dos discos O meu primeiro Celso Emilio e A miña primeira Rosalía (Editorial Xerais).
Na área da Educación, exerce como Profesora de Violín e de Orquestra infanto-xuvenil na Escola de Música de Ribadeo, Conservatorio Profesional de Música de Ponteareas, programa músico-social Sinfónico no Rural da Fundación Xesús Bal y Gay e, na actualidade, na Escola Municipal de Música Arcadio Mon de Foz.